Skip to main content
Se non sabes o que significa a peneira do Volai-Vai, neste artigo explicámoscho e ensinámoste como se utiliza.

Unha peneira é un instrumento formado tradicionalmente por unha caixa de madeira, con fondo de coiro con furados ou ben cunha rede de metal de malla máis ou menos fina, que se emprega para separar as partículas de distinto grosor que constitúen certas materias, como a fariña, a area etc. En galego tamén recibe os nomes de baruto, bortel ou xirgo. O termo cribo, criba ou zaranda refírese a un tipo de peneira que se emprega soamente para zarandear certas sementes, como trigo, chícharos, millo etc., limpándoas daquelas partículas máis grosas que interesa separar.

Pois utilizamos este concepto para referirnos a base de datos das cantigas: como resultado, a nosa peneira separa unhas de outras segundo o que nos interese.

Preguntaraste o como e o porque: pero primeiro temos que te axudar a comprender a clasificación do contido da cantiga:

Para aclarar, imos acordar chamar “cantiga” ao contido literario da música tradicional. Os versos e letras das cancións, por así dicilo.

Trátase de recuperarmos e pormos en valor esas letras, polo que vos pedimos que sexan cantigas que vós mesm@s aprenderades (indo de recolleita, ou “recollendo” directamente na familia, na casa...).

Alén disto, o sistema aceptará cantigas que cadren nestas tipoloxías: Copla Tercetiño Seguidiña

  • Segundo a súa forma: (copla -de 4 versos-, tercetiño -de 3- ou seguidiña -de 5 versos curtos-)
  • Segundo a súa función: (se é unha cantiga específica para algún uso concreto -como "desafío" ou "aña"- ou de carácter xeral para a festa -con nomes distintos segundo a zona, como "serán" ou "ruada")
  • Segundo a súa temática
  • Se nalgunha das tres listas non atopas o que precisas, ou se non queres limitar tanto a pesquisa, podes marcar “todas” ou “outra”, e engadir a cantiga.

Para desfrutar desta ferramenta é necesario que primeiro accedas coa túa conta, e se aínda non te rexistraches é importante que o fagas para ter permiso de uso desta ferramenta.
Atópase en todas as seccións de cantigas, xa que a ferramenta está incrustada na barra de accesos da túa conta.

Accede coa túa conta primeiro para ter os permisos precisos.
Localiza a túa barra de ferramentas
Fai clic no parafuso para despregar a Peneira
Escolle o contido que queiras filtrar e dalle ao botón "peneira" para ver os resultados.

Sabendo isto, xa te podes divertir e darlle o uso que mellor estimes.

Quérome rexistrar!

Instruccións, melloras

  • Visto: 420