Hoxe, aquí en Toutón, imos poñer os pés na terra, para tócala, arrencendela, para traballala e para gozala. Porque a terra dá pero tamén pide, e cada cousa no seu tempo. Para empezar canda o ciclo natural, colleremos sachos e legóns e asistiremos a unha auténtica labrada; probaremos despois a cortalo millo para face-la matoca; entraremos no muiño e aprenderemos a facer pan de millo; estaremos cando toque atar e poda-las viñas; e deixarémonos afumar a carón dunha boa potada de caña...Pero, ollo, todo isto sen deixar de tocar, cantar e bailar, porque en Toutón, desde a sementeira ata a esfollada, o traballo sempre se acompañou con música e moitas ganas de pasalo ben.
Os ciclos do ano e a música que o acompañan na aldea galega, en Toutón.
No inverno a natureza parece que monea, o frío adormece a terra, as prantas e as mans dos que traballan. Hai menos labores pero, os que hai, son duros. Porque podar e ata-las viñas, aínda que parece sinxelo, deixa as costas e o pescozo feito trizas. Asi e todo, esta estampa era e segue sendo habitual en Toutón. E tamén nisto, uns axudaban ós outros e os outros ós uns, facíase render o tempo e o traballo.
Os días van medrando e chega a primavera. Canda ela, veñen as duras xornadas de sementar e labrar. Hoxe imos ir a unha labrada coma as de antes. Os veciños prepáran o que van levar á leira a noite anterior: o que van usar para traballar a terra, e o que van usar para animar as pausas..porque xa veredes o que da de si este ramo! Cun pouco de viño, tazas e pan, todo queda listo...
Listo para que ó día seguinte, recén entrada a mañanciña, empece o rebumbio en Lordelo. Tódos van chegando puntuais á cita, os veciños que van axudar e os protagonistas pricipais: esta fermosa parella de bois. A labrada xa pode empezar.
Hoxe xa case ninguén vai ó muiño. Pero antes era un dos traballos estrela no verán. De feito algúns de nós non fomos nunca, nin sabemos o que alí se “moía” cando se xuntaban mozos e mozas. Din Marina de Florencia e Marina do Miguel que se a moa falase, ¡ui que tería que contar!
Imos chegando ata o outono e un novo comezo do ciclo: o primeiro é ir busca-las espigas. Se hai carro, perfecto, e senón, búscase unha solución para carrexalas e punto.
¿E agora que se fai? Pois non sabemos, pero o mellor é seguilos e ver que fan coas espigas que meteron nos capachos...
No inverno a natureza parece que monea, o frío adormece a terra, as prantas e as mans dos que traballan. Hai menos labores pero, os que hai, son duros. Porque podar e ata-las viñas, aínda que parece sinxelo, deixa as costas e o pescozo feito trizas. Asi e todo, esta estampa era e segue sendo habitual en Toutón. E tamén nisto, uns axudaban ós outros e os outros ós uns, facíase render o tempo e o traballo