Skip to main content

Os ciclos do ano en Toutón

Emisión na Televisión de Galicia

Alalá nº 59

Hoxe, aquí en Toutón, imos poñer os pés na terra, para tócala, arrencendela, para traballala e para gozala. Porque a terra dá pero tamén pide, e cada cousa no seu tempo. Para empezar canda o ciclo natural, colleremos sachos e legóns e asistiremos a unha auténtica labrada; probaremos despois a cortalo millo para face-la matoca; entraremos no muiño e aprenderemos a facer pan de millo; estaremos cando toque atar e poda-las viñas; e deixarémonos afumar a carón dunha boa potada de caña...Pero, ollo, todo isto sen deixar de tocar, cantar e bailar, porque en Toutón, desde a sementeira ata a esfollada, o traballo sempre se acompañou con música e moitas ganas de pasalo ben.

Os ciclos do ano e a música que o acompañan na aldea galega, en Toutón.

No inverno a natureza parece que monea, o frío adormece a terra, as prantas e as mans dos que traballan. Hai menos labores pero, os que hai, son duros. Porque podar e ata-las viñas, aínda que parece sinxelo, deixa as costas e o pescozo feito trizas. Asi e todo, esta estampa era e segue sendo habitual en Toutón. E tamén nisto, uns axudaban ós outros e os outros ós uns, facíase render o tempo e o traballo.

Os días van medrando e chega a primavera. Canda ela, veñen as duras xornadas de sementar e labrar. Hoxe imos ir a unha labrada coma as de antes. Os veciños prepáran o que van levar á leira a noite anterior: o que van usar para traballar a terra, e o que van usar para animar as pausas..porque xa veredes o que da de si este ramo! Cun pouco de viño, tazas e pan, todo queda listo... Listo para que ó día seguinte, recén entrada a mañanciña, empece o rebumbio en Lordelo. Tódos van chegando puntuais á cita, os veciños que van axudar e os protagonistas pricipais: esta fermosa parella de bois. A labrada xa pode empezar. Hoxe xa case ninguén vai ó muiño. Pero antes era un dos traballos estrela no verán. De feito algúns de nós non fomos nunca, nin sabemos o que alí se “moía” cando se xuntaban mozos e mozas. Din Marina de Florencia e Marina do Miguel que se a moa falase, ¡ui que tería que contar! Imos chegando ata o outono e un novo comezo do ciclo: o primeiro é ir busca-las espigas. Se hai carro, perfecto, e senón, búscase unha solución para carrexalas e punto. ¿E agora que se fai? Pois non sabemos, pero o mellor é seguilos e ver que fan coas espigas que meteron nos capachos... No inverno a natureza parece que monea, o frío adormece a terra, as prantas e as mans dos que traballan. Hai menos labores pero, os que hai, son duros. Porque podar e ata-las viñas, aínda que parece sinxelo, deixa as costas e o pescozo feito trizas. Asi e todo, esta estampa era e segue sendo habitual en Toutón. E tamén nisto, uns axudaban ós outros e os outros ós uns, facíase render o tempo e o traballo