Axudáime a cantar
Seis historias arredor da música de tradición oral en Galicia
O canto e a percusión forman parte dunha rica tradición oral en Galicia que se foi transmitindo de xeración en xeración, fundamentalmente por mulleres. "Axudádeme a cantar" é un documental de seis capítulos que pretende rescatar e poñer en valor esta forma de literatura oral tan importante para a cultura galega. Coa colaboración de actores tradicionais e artistas modernos que se incorporaron a esta tradición e a levaron a novas alturas. A través dos seus testemuños e da súa arte podemos apreciar a importancia desta tradición para a cultura galega e a súa continuidade na actualidade.
O documental tamén destaca a diversidade desta forma de literatura oral e a importancia da súa recollida e difusión para a súa conservación. Ademais, invítanos a reflexionar sobre a importancia de poñer en valor e protexer as tradicións culturais como parte da nosa identidade e patrimonio.
Episodios:
#01
O SERÁN EN TOUTÓN:
PASADO E PRESENTE DA FESTA TRADICIONAL
EPISODIOS 01
O SERÁN EN TOUTÓN:
PASADO E PRESENTE DA FESTA TRADICIONAL
A tocadora tradicional Lucinda Barcia Garrido “do Peseto” e a súa filla Montse Alvariño cóntannos neste vídeo a súa iniciativa de revitalización do Serán dos Namorados en Toutón (Mondariz), motivada polas primeiras recollidas nesta pequena localidade en 1996. Dende a cociña e o xardín dunha casa da vila, onde os seráns formaban parte fundamental da vida social da comunidade, estas informantes mostran algúns cantos e toques típicos da zona, transmitidos de xeración en xeración. Cantan acompañadas coa pandeireta e co legón —unha ferramenta agrícola transformada en instrumento musical— e comparten as súas lembranzas como participantes nas festas de tempos pasados, interrompidas pola desaprobación institucional e polos cambiantes modos de socializar. Porén, en Toutón, estas tradicións non se deixaron morrer, como nos explican estas dúas mulleres, que transmiten a alegría de crear un evento anual que recupera o espírito desta práctica histórica: bailar, tocar e pasalo ben, en boa compañía.
Fonte: Consello da Cultura Galega
#02
A FESTA DA PANDEIRA:
CELEBRANDO A RECUPERACIÓN DUN INSTRUMENTO
EPISODIOS 02
A FESTA DA PANDEIRA:
CELEBRANDO A RECUPERACIÓN DUN INSTRUMENTO
Neste vídeo visitamos a Festa da Pandeira de Piornedo, un evento que reúne tocadoras tradicionais con novas xeracións de músicos e outras persoas que acoden a esta xuntanza anual, con ganas de aprender e gozar deste instrumento. Cunha presenza especialmente importante nas zonas montañesas da serra dos Ancares —situada en comarcas galegas, asturianas e leonesas—, a música acompañada pola pandeira une a tradición de Galicia coa das comunidades limítrofes. Hoxe en día, goza dunha etapa de recuperación e revitalización grazas a esta festa, que se celebra en agosto dende 2006. Escoitamos dúas tocadoras tradicionais, Inés de Naipes e Amparo Voces, e dúas das impulsoras destes procesos de produción e reprodución artística, Isolina Rodríguez e Carolina Vázquez. Estas catro mulleres tocan, cantan e comparten as súas experiencias acompañadas polo fermoso fondo da vila de Piornedo, nunha festa entre pallozas e montañas.
Fonte: Consello da Cultura Galega
#03
PANDEIRADA EN LIÑARES:
CANTO, IDENTIDADE E EMIGRACIÓN
EPISODIOS 02
PANDEIRADA EN LIÑARES:
CANTO, IDENTIDADE E EMIGRACIÓN
Sira Paz e Orestina Busto, tocadoras tradicionais de Liñares (Avión), contribuíron á rica tradición oral e musical da zona. Neste vídeo podemos apreciar a súa mestría ao escoitalas cantar e tocar a pandeireta e a lata de pemento. A través da súa historia aprendemos sobre os efectos da emigración nas prácticas culturais da zona de Avión, onde moita xente emigrou a México e outras latitudes, expulsada pola fame e acompañada pola esperanza dunha vida mellor. Rosalía Portos, nacida na diáspora, proporciónanos a súa perspectiva do retorno. Aínda que os procesos migratorios debilitaron as festas e eventos comunitarios no lugar de orixe, esta muller, amante da música e a literatura oral que conseguiu aprender das súas antepasadas, representa a construción e (re)creación da comunidade na emigración mediante a música de tradición oral.
Fonte: Consello da Cultura Galega
#04
HISTORIA DA COMPILACIÓN MUSICAL NOS GRUPOS FOLCLÓRICOS
EPISODIOS 04
HISTORIA DA COMPILACIÓN MUSICAL NOS GRUPOS FOLCLÓRICOS
Ao longo das décadas dos 80 e 90 Galicia foi escenario dun crecente interese polas tradicións de baile e música do pobo galego, que se consideraban en perigo de extinción. Toda unha xeración de mocidade intrépida, persoas novas e entusiastas sen formación especializada nin apoio institucional, percorría as vilas e aldeas na procura de bailes, música e cantigas para alimentar os repertorios dos grupos folclóricos. Da man de tres persoas que participaron nesta vaga de recompilación —María Vidal (Pontevedra), Olga Kirk (A Coruña) e Xabi Iglesias (Lugo)—, transportámonos a esta época de efervescencia de recollida. Comparten connosco algunhas desas xoias, gravadas en forma de fotos e vídeos, e mais as reflexións sobre as súas vivencias. Describen as inquedanzas, as aprendizaxes sobre a marcha e as relacións creadas coas persoas que compartiron o seu coñecemento sen expectativas de recompensa nin de recoñecemento.
Fonte: Consello da Cultura Galega
#05
AS NOVAS RAÍCES:
RESOCIALIZANDO O RURAL A TRAVÉS DA MÚSICA TRADICIONAL
EPISODIOS 05
AS NOVAS RAÍCES:
RESOCIALIZANDO O RURAL A TRAVÉS DA MÚSICA TRADICIONAL
Mentres que a música tradicional de Galicia se desenvolveu no seo dunha sociedade agraria de poboación dispersa, no século XX estivo suxeita a procesos de (re)descubrimento e extensión ás grandes urbes. A Sección Feminina da Falanxe, coa práctica de escenificar nos palcos das cidades a súa interpretación particular da cultura “rexional”, desempeñou un papel importante na súa folclorización. Neste vídeo, Carme Iglesias da Pontraga e Maca Rodríguez do Piñeiro contan como, dende unha asociación de mocidade da aldea da Pontraga (Tordoia), conseguiron re-pensar esta realidade, aprendendo directamente das mulleres maiores da localidade. Icía Varela e Mar Suárez revelan un proceso parecido de auto-descubrimento en Cerqueda (Malpica de Bergantiños), ao darse conta do tesouro que posuían dentro da propia comunidade. Estas mulleres mostran como a música de tradición oral serviu, e segue servindo, de ferramenta potente para fortalecer a identidade, o apego territorial e as relacións sociais da comunidade local.
Fonte: Consello da Cultura Galega
#06
DAS ALDEAS AOS ESCENARIOS:
A MÚSICA DE TRADICIÓN ORAL NO PANORAMA MUSICAL GALEGO
EPISODIOS 06
DAS ALDEAS AOS ESCENARIOS:
A MÚSICA DE TRADICIÓN ORAL NO PANORAMA MUSICAL GALEGO
Cando as Pandeireteiras de Mens pisaron as madeiras do Teatro Colón (A Coruña) en 1971, inauguraron un rexurdimento contemporáneo do canto galego acompañado de percusión de man. Neste vídeo coñecemos dúas das cantareiras pioneiras da histórica agrupación Leilía: Ana Rodríguez e Felisa Segade. Con base nas súas propias recollidas, empezaron unha longa traxectoria na que imbuíron estes materiais a través da súa interpretación. Anaïs Barbier, cantante e percusionista do grupo Caldo, explica como o seu proxecto musical se apoia en fontes secundarias, que inclúen o Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego e outros arquivos privados. Alberto Cernadas, compositor de música electrónica, móstranos que o canto tradicional feminino galego se presta tamén a xéneros máis actuais. A través de entrevistas intercaladas con mostras das producións artísticas destes tres grupos, que representan estilos e visións diferentes, vemos a multiplicidade de vías posibles para manter viva esta riqueza patrimonial.
Fonte: Consello da Cultura Galega
DIRECCIÓN
Renée DePalmaXulia Feixoo
Carme López
Sección de Lingua, Literatura e Comunicación (CCG)
FOTOGRAFÍA
Olaia TubíoPRODUCIÓN E MONTAXE
Alejandro GándaraSON
Xandre TáboasGloria Tavares