Logo de escoitar a presentación do proxecto, se algo queda claro é que estamos diante dun patrimonio inmaterial excepcional, impregnado coa esencia e vitalidade das comunidades galegas ao longo dos tempos.
A inclusión da Foliada no proceso de declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) non se basea unicamente na súa rica historia documentada, senón que tamén recoñece o grande esforzo adicado tanto por persoas coma por colectivos que, con recursos moi limitados -mais con grandes doses de paixón e compromiso- traballan para preservar e promover esta expresión cultural única.
Quen son portadores/as deste ben inmaterial?
Na presentación deste proxecto, da man de Rafael Quintía Pereira e Xulia Feixoo xunto coa equipa de AGANTRO (Asociación Galega de Antropoloxía), puidemos descubrir de primeira man os detalles dun traballo minucioso e apaixonado para salvagardar a Foliada como parte fundamental do noso patrimonio: recoñecer a foliada como BIC é tamén recoñecernos a nós mesmas, á nosa identidade e á importancia de protexer as raíces que nos fan únicas.
Como amantes da cultura galega, é un chamamento a apreciar e valorar a Foliada non só como un ítem aillado e monolítico, senón como unha manifestación en constante cambio e movemento, contada e recreada por cada persoa que a vive, como parte que é dunha cultura viva que se adapta aos tempos.
Esta xornada non só foi unha ollada entre bastidores para coñecer de primeira man o contido do proxecto, máis tamén un espazo de debate e coloquio onde o público asistente puido plantexar as súas dúbidas e inquedanzas, e onde se trataron temas coma os pasos a seguir a partir de agora, ou a proxección futura do propio ítem. As recomendacións son claras: continuar a celebrar a nosa tradición e axudar a espallar a voz sobre a importancia de a protexer e a dotar de recursos que garantan o seu paso a xeracións futuras.