Zapato fino de pel de cabra, negro abetunado brillante da capa de poliuretano. Sola de caucho, que parece coiro pero no-no é. Uns calcetos sport calquera, que total non se ven.
Polainas francesas de pano de Béjar con botóns forrados (por dento son de plástico. Total, tampouco se ve). Son falsos, porque realmente cerran cun velcro . Abrochos na perna con perindengues de filigrana de prata (que-na pillara!).
Calzóns bombachos do mesmo pano mesetário, sobre cirolas de sábana vella que aparentan liño -pero tampouco é-. Iso todo, sobre gayumbos de Calvin Klein.
Faixa de algodón do país tinguida con anilinas, bordada en fio de nylon industrial de moitas cores. Moi cara.
Chaleque de damasco burdeos con botóns de prata, transelíns e reloxo de peto, tamén de prata. Solapas de veludo italiano. Costas de raso de tafetán da Índia.
Camisa bordada da mesma sábana que as cirolas, ou no mellor dos casos de liño chinés traído de Portugal. Costura de niño de abella nas mangas, ( smock-frock inglés, pra sermos exactos). As mangas, bombachas, como de espadachín castellano.
Na cabeza, monteira de felpa bordada (medieval ou francesa?). Pano de seda, iso si, de seda país…
De gala,
son condesas...
Da mesma cabra, o mesmo zapato, coa mesma capa de poliuretano.
A média, calada; porque non fala, que se falara… Saíu dunha fábrica de chemineas altas…
Calzas tipo pololo francés, por riba das bragas de Women’secret. A enágua vai trampeada: ten tres falsas capas pra que abulte máis, así non se precisa miriñaque e a figura manten-se como unha perfecta menina, pero de leira .
A saia é ata os pes, que non se poden ver os nocellos. Moi apropiada pra ir às patacas, ou para alancar por corredoiras asulagadas. Se é de liño, non é tradi se non leva rodo. Se é de pano, polo menos 20% polyester , que se non fai bólas. Ademais asi a tea pode ser cortada “a fío”, porque despois non estira, e aforras tea. Se vas de gala, unha basquiña -pode ser-. Moi do país, como o seu nome indica.
Un mandil bordado con creatividade (aquí, si): pode ser un lagarto pintado, ou un Súper Mário de bordado ao ar (en pedriñas de plástico, ou cristal, segundo a pasta que queiras gastar).
Arriba, várias opcións: por riba da camisa (de algodón, que é máis fino: o liño é un pouco de aldeana romana ), un dengue cruzado, ben bordado (sé coherente: se levas dengue, quita o sostén de Women’secret). Se non é tan de gala o asunto, ben pode ser un pano grande ben floreado deses de Portugal (que realmente son rusos…), por riba ou por baixo do xustillo (a gusto). Pero se a cousa é máis de gala inda, mellor un bo mantón de Manila e o dengue por riba (dobre gala!).
Logo, moitos colares: de coral, de azibeche, de prata… con moita simboloxía católica e medallitas de santos. E un rosário (que non falte o rosário, pordiós!) . O smartwatch , por favor, agochado dentro do puño da camisa: é útil, porque che vai contando os pasos de peniténcia que das ao sol na ofrenda floral da Peregrina. Iso si, muteado pra que non se colen zumbidos polos micros na actuación. O móvil, na faldriqueira, cos cartos pra tomá-lo gintonic de despois. Non esquenzas o DNI, que é obrigatório de levar se che pára a póli local.
Os pendentes de reló , se queres ser auténtica auténtica, manda-os soldar nas orellas, que non se poidan quitar. Así, ninguén os herda e irán prà terra contigo… Pero é algo extremo, isto: hai-nos de clip, de latón, que os podes quitar para ir à tarde òs touros.