En 1978 chegou a Galicia durante as súas vacacións, coa intención de coñecer a súa música popular. A que ía ser unha breve estadía de descanso deveu, grazas a unha bolsa da Fundación Barrié, en anos de pescudas, viaxes, entrevistas con informantes e centos de gravacións perfectamente conservadas. En 1984, despois dun intenso traballo de recollida, da análise, clasificación e estudo dese material, para o que contou coa colaboración do profesor Antón Santamarina, foi publicado o Cancioneiro popular galego, en sete volumes, nunha edición patrocinada pola Fundación Barrié.
Esta obra está considerada o máis amplo repertorio da musical popular de tradición oral galega. Os musicólogos que até aquel momento fixeran estudos sobre a música popular ficaran na superficie do traballo, realizando compilacións de cantigas. Pola contra, Schubarth levou a cabo unha análise en profundidade das melodías, achegando unha proposta crítica de clasificación e propondo teorías sobre as orixes dos diferentes tipos. Ademais, foi a primeira que recoñeceu a importancia das informantes, sendo a primeira pescudadora culta que recolleu os seus nomes. Foron cinco anos de traballo arreo por aldeas, montes e corredoiras, que non remataron coa publicación dos materiais, senón que crearon un vínculo permanente da musicóloga con Galicia. Algunhas das persoas que lle serviron de informantes seguen mantendo a relación con ela.
No ano 2014 doou os seus rexistros sonoros, 248 CD (copias dixitalizadas das gravacións orixinais) coas correspondentes transcricións a cargo de Antón Santamarina, ao Museo do Pobo Galego, onde foron incorporados ao seu arquivo dixital e ao Consello da Cultura Galega que permite o seu acceso no Arquivo Sonoro de Galicia. Neste mesmo ano, a plataforma de crítica literaria feminista A Sega dedicoulle o Día das Galegas nas Letras. No ano 2020, elaborouse o documental Dorothé na Vila que mostra e reflexiona sobre o traballo de campo realizado pola musicóloga suíza case medio século antes.
Os traballos de transcrición das letras do material recollido son froito da colaboración imprescindible de Antón Santamarina, catedrático de Filoloxía Románica da USC e membro da Real Academia Galega. Finalmente, en 1984, a Fundación Barrié publica o Cancioneiro Popular Galego, obra magna sobre a nosa música. En palabras do musicólogo Padre Calo, “un libro ao que non é aventurado cualificar como a máxima achega xamais intentada cara á conservación e coñecemento do folclore musical de Galicia”.
Cómpre destacar que Dorothé Schubarth introduce parámetros de clasificación musical e metodoloxías de traballo descoñecidos en Galicia ata ese momento e dignifica o papel das e dos informantes, sacándoos do anonimato en que estaban. Por outra banda, o seu material serve para o estudo das variantes dialectais e os usos do galego.
A finais dos anos 90, Dorothé Schubarth deposita no Consello da Cultura Galega as casetes orixinais, os 248 CD coa súa dixitalización e 19 carpetas con transcricións e notas manuscritas. Este material está dispoñible para consultas presenciais nas instalacións do Arquivo Sonoro de Galicia.