Skip to main content

ENDATERRA

ESPECTÁCULO DE MÚSICA E BAILE TRADICIONAL

Asociación cultural Xacarandaina

“Endaterra” é un novidoso espectáculo de música e baile tradicional no que se fusionan distintas artes escénicas como son o baile e a música tradicional galega e o teatro.
Conta cunha banda sonora única, composta en exclusiva para este espectáculo, e cunha singular produción audiovisual, creando unha paisaxe sonora e visual a través de imaxes e sons naturais do camiño.

Todo isto fai de “Endaterra” un espectáculo único e exclusivo, non podendo comparalo con outro espectáculo etnográfico realizado até o momento.

“Endaterra” é un percorrido que une a cultura tradicional das dúas rutas menos exploradas de Galicia: O Camiño Inglés e o Camiño a Fisterra-Muxía. Este é o resultado dun fondo e minucioso traballo de investigación dos bailes de divertimento, danzas, cancións, melodías, traxes e tradicións dos 18 concellos polos que transcorren os dous camiños. O argumento baséase na peregrinación feita no 1900 por unha aristócrata inglesa e a súa doncela de orixe galega a Santiago de Compostela, con epílogo a Fisterra e Muxía. Esta aristócrata de orixe escocés e residente en Londres, muller aventureira e decidida, anímase a emprender esta viaxe convencida pola súa doncela. A viaxe farana en tres etapas, a primeira nun navío da época desde o porto de Londres até o de A Coruña, despois a pé desde A Coruña até Santiago e logo até Fisterra e Muxía. Pouco a pouco, irase interesando por todo o que vai vendo ao longo do camiño, onde irá descubrindo e namorándose de Galicia, recoñecéndose nela. É por iso que decide seguir adiante, animada por unha inevitable e misteriosa promesa que fixo.
Director: Henrique Peón Mosteiro
Deseño de Luz: Santiago Mañasco
Ilustración: Antón Cabaleiro
Banda Sonora: Ismael Marcos e Francisco Barcia
Asistente de Dramaturxia: Susana Crespo
Teatro: Lucía Veiga e Marita Martínez
Corpo de baile, grupo bocal e coro: Xacarandaina