Skip to main content

Esmeralda, Elena, Lina, Lucinda

e as labradas

Fonte: Asociación intercultural 'Santa Ferreña dos Encontros de Música Tradicional

No mes de abril era o tempo de labrar a terra para facer a sementeira.
O traballo era duro e botaban semanas enteiras indo uns para as labradas dos outros. Abríanse os regos co arado: dous homes tirando das xuntas de bois e outro virando o arado.
A xente ía detrás co legón, cachando a legua, e a sementadora, unha sabia muller, que era quen botaba o gran.

Despois seguíase cavando para cerrar a veiga e que quedase axeitadiña e por último pasábase a grade.

O traballo era duro pero levábase mellor cantando, bailando e bromeando. Os veciños competían para ver quen chegaba antes ao cabo da veiga para lle poder botar a aña. Era unha troulada! Tamén se bailaba o ramo; adobiábase un ramallo de carballo con panos, rosquillas...que chegaba a canda a merenda á veiga, e un home, aquel con máis xeito, ía sacando a bailar, unha por unha, a todas as mozas que estaban na veiga ao son do legón.'

Video realizado para a exposición 'Os Nosos Tesouros' nos XIV Encontros de Música Tradicional de Carboeiro, realizada pola asociación intercultural 'Santa Ferreña dos Encontros de Música Tradicional' coa colaboración de 'Xandobela Xestión e Dinamización Sociocultural' dentro do proxecto 'Grand Treasures' ao abeiro do programa de aprendizaxe permanente para adultos 'Grundtvig' da Comisión Europea.