Skip to main content

Muiñeira Vella ou Ribeirana de Limiñoa

Ponteceso - Pandereteiras e danzantes de Limiñoa

Celia Eiras, Anxo Fariñas e Daniel Portela

A muiñeira vella, chamada tamén ribeirana, é a modalidade máis antiga de muiñeira. Conservouse e foi recollida na franxa costeira norocidental galega, maiormente nos concellos de Cabana, Ponteceso, Laxe, Zas e Malpica. Nestas zonas chámaselle simplemente muiñeira, pasando a máis moderna e estendida "muiñeira nova" a recibir o nome de punteada.
CARACTERÍSTICAS.
O acompañamento musical faise sempre con canto (coplas) e pandeiretas. As pandeireteiras tocan co puño, motivo polo que tamén recibe o nome de muiñeira empuñada, distinguido así o seu toque do xeito máis moderno de tocar, a muiñeira riscada.

A forma máis recollida do baile é aquel no que bailaba un só grupo con dúas parellas, existindo constancia de tres nalgún lugar. Nos casos en que bailaba máis dun grupo, facía cadanseu baile independente. Existen tamén variantes nas que un só home bailaba con dúas ou máis mulleres. A principal diferenza coa muiñeira nova, é que nesta os homes bailan entre si os puntos sen que as mulleres os imiten. Limítanse estas a realizar uns pequenos pasos polo baixo debuxando unha roda ou un oito, sen levantar os brazos e coa ollada no chan. Asemade, neste baile son as pandeiretas as que fan coincidir os seus toques coas evolucións dos bailadores e non ao contrario.