A forza dun pobo está na súa música e no seu baile
Galicia sempre soubo gardar a súa historia na voz e nos pés do seu pobo. O que non está escrito, o que non está gravado, o que non se amosa nos escenarios, vive na foliada. Alí, na mestura de voces, de puntos e de emocións compartidas, o noso patrimonio segue sendo vivo, dinámico e auténtico. Hoxe temos unha responsabilidade: protexer ese espazo de transmisión e liberdade.
A declaración da música e o baile tradicionais como Ben de Interese Cultural (BIC) debería garantir a súa salvagarda, pero… estase facendo ben? Como denunciaron os compañeiros e compañeiras que levan décadas vivindo e estudando este patrimonio, a foliada non é só parte do noso patrimonio: é o seu cerne.
Non podemos permitir que unha visión reducionista ou unha institucionalización mal enfocada desfigure o que é un espazo natural de transmisión. Se a foliada está viva, o noso patrimonio tamén. E por iso, hoxe temos que erguer a voz, asinar e deixar claro que este recoñecemento debe partir do propio pobo, non de despachos alleos.
A polémica que está sobre a mesa: que está en xogo?
O que inicialmente parecía ser unha boa noticia –a declaración de BIC da música e o baile tradicionais de Galicia– está xerando un debate intenso e preocupación en moitos sectores da comunidade. Por que? Porque o proceso iniciado presenta erros graves que, en lugar de protexer, poden distorsionar a riqueza do noso patrimonio.
En primeiro lugar, a propia formulación do expediente é confusa e ambígua. Fálase de “música e baile tradicionais de Galicia” de maneira tan xeral que non se aclara realmente que se está a protexer. A orixe da incoación centrábase na foliada como espazo fundamental de transmisión, pero no expediente oficial desaparece esta referencia clave, converténdose nun concepto máis abstracto e menos fiel á realidade.
Ademais, a comunidade portadora –é dicir, as persoas que realmente manteñen vivo este patrimonio, cantando, bailando, ensinando e investigando– non foi consultada de maneira real e efectiva. Non se respectaron os principios de participación activa que esixe a UNESCO para a salvagarda do patrimonio inmaterial. Como se pode patrimonializar un ben sen contar coa voz das persoas que o manteñen vivo?
Outro punto crítico é que esta declaración pode levar a unha institucionalización excesiva que acabe favorecendo modelos ríxidos e pechados, afastados da realidade viva e cambiante da música e o baile tradicionais. Se non se fai ben, corremos o risco de que o recoñecemento como BIC acabe convertendo este patrimonio nunha peza de museo, en lugar de garantir a súa continuidade natural.
Por iso, o verdadeiro debate aquí non é se debemos protexer a nosa música e o noso baile (iso está fóra de discusión), senón como facelo sen matar o que o fai especial: a súa liberdade, a súa diversidade e a súa transmisión espontánea.
Se aprendemos dos erros do pasado, mellor que sexa bailando, porque hoxe temos a oportunidade de facelo mellor. Grazas ás persoas, mestrxs, investigadorxs e colectivos que levan anos mantendo o lume aceso, que sen descanso transmiten, ensinan e preservan a nosa música e o noso baile tradicionais. Sen o seu esforzo, non estaríamos a falar da foliada coma o espazo vivo que é hoxe. Non podemos quedar só nas palabras; é hora de actuar, de unir as nosas voces e garantir que o noso patrimonio sexa protexido, pero tamén respectado na súa esencia, como algo dinámico, vivo e sempre en transformación.
Descarga o modelo.
Cumpriméntao cos teus datos ou/e cos do teu colectivo/asociación.
Adapta o documento, se asi o necesitas, e engade as túas demandas concretas.
Achégao no rexistro da Xunta máis próximo, co teu dcumento de identidade.