Unha oportunidade perfecta para aprender e conectar coa riqueza cultural de Galicia, ao mesmo tempo que se celebra a inclusión e a igualdade. Teremos presentacións, debates enriquecedores e a posibilidade de compartir ideas con outros apaixonados da diversidade.
Non importa se es un entusiasta da música, un defensor dos dereitos LGBTIQA+ ou simplemente alguén que busca unha experiencia cultural única, este evento ofrecerache unha nova e emocionante perspectiva.
A xornada comprenderá diferentes actividades. Charlas, mesas redondas, concertos, unha contada... Abriráse cunha presentación e a charla Bergantiños con ollada diversa para falar dos resultados dunha recollida feita polo comisario xunto a Atenea García. Ambos traballaron na zona de Bergatiños para coñecer a realidade do colectivo nesta zona da provincia coruñesa. Alí escoitaron, falaron, recorreron vilas e aldeas, investigaron... para tratar de recoller toda a información posibel de persoas disidentes de antes e de agora. Neste inicio da xornada amosarannos as reflexións ás que chegaron e contarannos todo o que atoparon.
O día continuará cunha mesa redonda, Creación contemporánea dende a tradición, moderada por Mercedes Peón e que contará con artista como Berto, Meiga-i, Eva Outeiro de Toma a Terra, Gabi Reboredo, O Rabelo e Olalla Liñares de Oîma. A tarde comezará do mesmo xeito, cunha mesa redonda, A muiñeira, unha bandeira LGBTIQA+, moderada por Diego Salgueiro (integrante do Orgullo Crítico de Nigrán, bailador e tocador) que contará con diferentes persoas do colectivo vinculadas á música tradicional e o rural que nos falaran da súa experiencia e realidade como persoas LGBTIQA+ nestes ámbitos. A continuación contaremos cunha contada para adultos de Atenea García, titulada Vicio houbo sempre, á que seguirá Noemi Basanta, integrante das Adufeiras de Salitre e Doutora en Filoloxía Galega, falándonos das ideoloxías e posicionamentos de xénero no baile e a música tradicionais galegas. O broche final desta xornada será a actuación das Tocadoras da A.C. Raigañas de Cerqueda, que cantarán coplas de temática LGBTIQA+ dun libro que sairá máis adiante deste proxecto, e serán as encargadas de abrir a foliada que concluirá o día e celebrará a nosa liberdade.