Skip to main content

XXII Encontros Espallados de Música Tradicional

Pasou un ano desde que os Encontros de Música Tradicional, despois de dúas décadas enchendo Carboeiro de alegría, tiveron que se fragmentar e espallar por todo o país en pequenas xuntanzas.

Mais é tanta a devoción pola Santa Ferreña que, sexa do xeito que sexa, habemos de nos Encontrar outro primeiro sábado de xuño para gozar e compartir en comunidade o noso patrimonio cultural.

Un ano non pasa en balde e este tróuxonos melloras nalgunhas cousas e desmelloras noutras, pero unha clara mensaxe transversal: debemos seguir coidándonos, en todos os sentidos. Debemos seguir coidando as nosas raíces, as sementes herdadas, os seus froitos, para seguir collendo forza. A memoria que nos garda e nos coida como comunidade segue viva a través dos usos sociais, dos rituais e actos festivos. Os Encontros son parte de nós, forman parte da nosa vida e da nosa visión do mundo, da nosa identidade.
Temos que seguir celebrándoos! Mais tamén temos que coidalos e coidarnos. Outro ano máis, absterémonos de achegarnos a Carboeiro. Outro ano máis, constatamos que corren tempos en que a memoria e o coidado son necesarios, e conservarmos/recuperarmos a alegría é un coidado máis: non deixarmos de celebrar nin de nos Encontrar desde a alegría e fronte ao esquecemento, fronte a toda a bichería que nos asolaga, aos discursos de odio, á soidade. Sigamos coidando daquilo que nos alimenta, sementando, colleitando e moendo para que non nos falte o pan nin lle falte a quen vén detrás: contando, brincando, cantando e bailando o que levamos na memoria colectiva.

Este ano propoñemos os Encontros da Media Ducia (ai, que agora xa podemos ser unha Decena! Tanto ten, queda máis noso así). Encontrémonos outro primeiro sábado de xuño máis, segundo indiquen as medidas de seguridade vixentes, para nos celebrar e honrar á Santa Ferreña. Descansemos por un día da virtualidade das pantallas e volvamos sentir tremer a terra ao bater cos pés no chan entre puntos e voltas, que o aire se encha de sons de ferreñas, de repeniques de gaita e redobres de tambor, de cantas e contos de gorxas bravas que comparten saberes e contaxian alegría!

Encontrémonos, foliemos e coidémonos para que o ano que vén volva resoar en Carboeiro:
VIVA A XUVENTUDE E A XENTE VELLA QUE NON MORRA!

SUXESTIÓNS DE CELEBRACIÓN:
  • * Ideade xuntoiros da Media Ducia ou da Decena, cumprindo sempre coas medidas de seguridade vixentes, para enchermos o país de ledicia con centos de Encontros Espallados.
  • * Podedes argallar unha pequena foliadiña, ou simplemente xuntarvos para lle botar un conto e un viva á santa. Tamén podedes reproducir pequenos Encontros nos que tiredes de inventiva para argallar a vosa propia procesión ou ata tentar recrear toda a programación habitual da xornada!
  • * O torreiro virtual do evento en facebook.com/SantaFerrenha está sempre aberto para que lle poidades achegar as vosas ofrendas á santa: fotos, vídeos ou debuxos das vosas tocatas, cántigas, contos, bailas... Se compartides as vosas ofrendas nos vosos perfís, podedes acompañalas do cancelo: #encontrosespallados e etiquetar á @santaferrenha. Pero suxerímosvos que gocedes da presencialidade antes de nos encontrar na virtualidade.
VIVA A SANTA FERREÑA E TODA A SÚA FAMILIA!
VIVA A XENTE DEVOTA QUE A RODEA E MIRA!
VIVA A MÚSICA E SIGA!

rede, asociacións