Ese que anda no baile
ten o bailar peneireiro
Dálle media volta á perna
para que lle ruxa o diñeiro
Xan Guindán foi ao muiño
coa pelica na cabeza
esvaráronlle as chanquiñas
e caiu co cu na présa
A miña sogra morreume
e enterreina no palleiro
deixelle o brazo de fóra
pra que tocara o pandeiro
Miña sogra din que é bruxa
heina de facer rabiar
Nin lle m'hei casar co fillo
nin llo hei deixar casar
Miña nai por me casar
ofreceume bois e vacas
e agora que me casei
deume unha taza de papas
Sei cantar e sei bailar
tamén sei pinta-lo mono
Son filla dunha viúda
teño que saber facer de todo
Pasei a Ponte de Ourense
paseina na carreiriña.
Tirei un tiro a unha lebre
matei unha costureiriña
E moito zapato
e moita botina
e todo che sale
do caño de orina
E moita botina
e moito zapato
do mesmo burato
E no lugar de Liñares
hai unha trampa no chan
A Carmiña caiu nela
e o Manolo diulle a man
Se queredes que vos cante
habédesme dar diñeiro
porque a miña gargantiña
non ma fixo un carpinteiro
Eu pedinlle a unha nena
ela non mo quixo dar
Eu pedinllo, ela deumo
e non hai máis que falar
Se queres que o carro cante
móllale o eixo no río
verás como de mollado
canta coma un asubío
O cura e máis a criada
ordenaron de cocere
a leña estaba no monte
e a fariña por moere
Miña nai ten unto vello
dos porcos que ha de matare
tamén ten berzas na horta
das coles que ha de sembrare