Cantigas atopadas: 9

A lua vai encuberta

con panos de tafetán

olliños que a min me queren

nesta terra non están

Non sabes ben queridiña

que envexa teño ô luare,

Cando, pol-a lumieira,

N-o teu leitiño vai dare.

Alta vai a Lúa, madre,

alta vai qu’eu ben a vin.

Máis alta vai a fertuna

que Deus garda para min.

As estrelas ll'o luceiro

Tuveron unha porfía,

as estrelas qu'era noite

ll' o luceiro qu'era día.

Estreliña do luceiro

e mai-la da claridá

vais'o día, vens'a noite

vais'a miña mocedá

Estreliña do luceiro

vait'andando qu'eu xa vou

vai-me dando claridade

que a lúa xa s'acabou

A lúa para saír

a ninguén pediu licéncia

eu para cantar aquí

pídoa con reverencia

Esta noite pola lúa

teño d'ir a Verducido

a visitar unha nena

que non me sal do sentido

Clarea, lúa, clarea,

polo dios que che mandou

Clarea, lúa, clarea,

tamén o sol clareou.