Dende que comenzaran da man da Asociación Verbo Xido os actos de homenaxe a Francisco Arca e Secundino Bugallo, veciños de Cerdedo fusilados na Ponte do Barco de Pedre naquel fatídico 1936; son varios os colectivos que se teñen sumado á organización desta efeméride ao longo dos anos: o colectivo Capitán Gosende, grupos de apoio veciñal, e máis recentemente o colectivo A Lumieira.
É un acto sinxelo e agarimoso, unha ofrenda floral emotiva na localización precisa onde os falanxistas cometeron o seu cobarde crime, e na que teñen participado veciños, artistas de moitos eidos, historiadores, etc. en torno á lápida conmemorativa que fora instalada por Verbo Xido nos comezos da iniciativa, e que pese a ter sido tristemente vandalizada en varias ocasións, coma o noso empeño e determinación en recoñecer a memoria de tantos represaliados, resiste.
Dende A Lumieira non queremos, nin moito menos, apropiarnos dun acto que a todos pertence e que se ten mantido ao longo do tempo grazas ao traballo voluntario e desinteresado de tanta xente. Vaia por diante o noso ofrecimento sempre a quen queira participar, pois na man de todos nós está o manter viva a chama do recordo de capítulos da nosa historia que, nos tempos que corren, algúns parecen empeñados en esquecer e ocultar. E nós non queremos esquecer, precisamente porque non queremos nunca máis ter que levar flores a unha cuneta.