Casa da Sociedade de Agricultores do Concello de Cerdedo
Casa do Pobo de Deán
- Parroquia: San Martiño de Figueiroa
Historia / cronoloxía:
No intre da Guerra Civil en 1936, a Casa do Pobo de Deán era domicilio social da “Federación de Agricultores y Obreros del Ayuntamiento de Cerdedo”, incorporada á CNT en 1933 e composta por 9 sociedades de Pedre, Lourido, Folgoso, Cerdedo, Castro, Tomonde, Figueiroa, Bugarín e Quireza.
Tras o golpe militar, foi saqueada polos falanxistas. Incautada o 3/07/1937 polo réxime franquista para a Delegación Nacional de Sindicatos de F.E.T. y de las J.O.N.S. e inscrita ao seu favor no rexistro da propiedade o 1/2/1939, en 1943 o estado do edificio de 81 m² era bó e o inmoble estaba valorado en 5.000 pts.; non obstante, no ano 1968 o edificio de 106 m² xa era unha ruína valorada en 58.000 pts.
Nos anos 80 do século pasado, o edificio pasou á propiedade da Xunta de Galicia que, á súa vez, cedéuno ao Concello, ata que o local foi restaurado no ano 2002 para uso dos veciños do lugar.
O 2 de febreiro de 1907 abría as portas a Casa do Pobo de Deán, sede da “Sociedad de Agricultores del Ayuntamiento de Cerdedo”, diante de 1500 persoas chegadas de todo o Concello. No acto, estiveron presentes as sociedades agrarias de Bugarín (afiliada á UGT dende 1906), Cerdedo (constituída o 8/05/1902 e integrada daquela na UGT), e a de “Canteros y Oficios Varios” de Castro (creada o 16/04/1906 e afiliada naquela altura á UGT).
Máis tarde, a “Federación de Agricultores y Obreros del Ayuntamiento de Cerdedo”, foi constituída no ano 1920 e a Casa do Pobo de Deán pasou a ser o seu domicilio social.
A casa foi construída en terreo comunal por subscrición popular, na que se distinguiron os emigrantes cerdedenses no Brasil e outras repúblicas americanas, e coa aportación voluntaria de traballo e materiais; posuía botica e médico para casos de necesidade, así como unha cooperativa de seguros para o gando. Tiña tamén unha placa de marbre onde figuraba a data de inauguración e a súa pertenza á “Sociedad de Agricultores del Ayuntamiento de Cerdedo”. Esa placa foi retirada en 1936 e depositada no Concello, sen que se saiba onde está na actualidade.
No seu interior adoitabanse facer mitins de celebración do 1º de Maio e do 14 de Abril.
Resumo de datos:
1936: expoliada e incendiada polos falanxistas.
3/7/1937: Incautada para a Delegación Nacional de Sindicatos de F.E.T. y de las J.O.N.S.
1/2/1939: Inscrición da propiedade a favor da Delegación Nacional de Sindicatos de F.E.T. y de las J.O.N.S.
1943: Valoración en inventario da CNS: 5000 pts. Edificio de 81 m² en bo estado.
1968: Valoración en inventario da CNS: 58.000 pts. Edificio de 106 m² en estado ruinoso.
1907: Sociedad de Agricultores del Ayuntamiento de Cerdedo
1920: Federación de Agricultores y Obreros del Ayuntamiento de Cerdedo
COORDENADAS DMS:
Lat.: 42º 32' 22.57" N
Lonx.: 8º 24' 57.53" W
COORDENADAS UTM:
Fuso 29
Coord. X: 547956,32
Coord. Y: 4709855,92
COORDENADAS GPS:
42,53960277777777
-8,415980555555556
PEREIRA, D. “A IIª República e a represión franquista en Cerdedo”, Asociación Verbo Xido, Cerdedo, 2006.
PEREIRA, D. “A Casa do Pobo de Deán (Cerdedo)”, Boletín Verbo Xido, nº5, Soutelo de Montes, verán 2003.
SOLLA, C. “Así aprenderán a non ter ideas. Agrarismo, caciquismo e República en Cerdedo”, Edicións Morgante, Cangas do Morrazo, 2016.
Inventario CNS, Ano 1978.
Comisión Provincial de Incautación de Bienes de Pontevedra, 1939-43, Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, 7104 (18) e 8786/18.
Entrevista con Rogelio Arca Rivas, Figueiroa, 6/02/2001.
Rexistro de Asociacións, Goberno Civil de Pontevedra.
La Libertad, Pontevedra, 10/02/1907, 10/03/1907 e 10/11/1907.