Skip to main content

V edición

Encontro Tradición en Feminino

Asociación do baile e a música de tradición galega - AGG

Recentemente, tivemos o pracer de asistir, grazas á transmisión en directo realizada pola Asociación do baile e a música de tradición galega (AGG), ao V encontro "Tradición en Femenino".
O evento destacou interesantes temas sobre a transmisión do arquivo musical e a responsabilidade inherente a esta tarefa para coa comunidade.
Neste contexto, hai unha pregunta que xorde recurrentemente, e que nos insta a reflexionar: debemos manter as coplas tradicionais ou é hora de adaptalas á nosa realidade cambiante?

Xulia Feixoo proporcionou unha reflexión estimulante ao abordar a elección dos parámetros que consideramos importantes da música tradicional para a creación contemporánea. Destacou a importancia de manter un punto común para fomentar a colectividade.

As palabras de Beatriz Busto sobre os coidados e a prevención diante dos sistemas mercantilistas e transformadores de expropiación cultural resoaron tamén profundamente. Como comunidade, como podemos unirnos para controlar estes procesos de instrumentalización?

Anaïs Barbier, pola súa banda, compartiu a súa experiencia no tecido cultural, abordando diferentes prexuízos relacionados coa música tradicional nos procesos de creación contemporánea, e sinalando a existencia de determinadas barreiras que considera limitantes.

Coma sempre, moi agradecidas á AGG e ás persoas colaboradoras por organizar e partillar actividades tan arriquecedoras coma esta. Que veñan moitas máis!

Dende VolaiVai facémonos eco dunha xa vella reivindicación, instando á administración a promover de xeito real e efectivo a presenza da nosa cultura tradicional nos medios de comunicación. Temos tres canles de televisión autonómica -pagada co diñeiro de todas- e centos de emisoras de radio no país, pero nin unha referencia aos milleiros de traballos de divulgación e estudo que levan a cabo colectivos, asociacións e até persoas particulares. Iso si: bachata, fútbol e humor trapalleiro, que non falten!