Skip to main content

PRIMAVERA

Xandre Outeiro


À fin, logramo-lo: a aldea é un triste parque temático sen nenos. Desleixado até tal punto, que o cheiro a esterco xa non é máis ca un recordo, unha lembranza lonxana de “olor a caca de la vaca” que fomos substituíndo polo cheiro a pichi recén votado: as excavadoras non dan abasto. A plataforma de nove metros é súper necesária, case tanto coma o tren de alta velocidade a Madrí. 

As corredoiras que aguantan fa-no porque os marulos circulan por elas nos quads as fins de semana. As outras, agonizan entre silveiras. O património en pedra fende do maltrato e o abandono, pero ben alumeado co luzerio LED à sombra dos letreiros da deputación de turno que cacarexan os ouros investidos. O diácono que vén dar misa unha vez ao mes fai colecta pra arranxar unha pingueira da igrexa parroquial, porque di que a diócese non ten cartos.

Mentres tanto, un dácia pára onda o cruceiro. Asoman un pai e un fillo, que se achegan ao valado: “mira las coles, nene. Vamos a coger unas pocas”. Pensan que nascen ventureiras: “todo o que os teus ollos ven, Simba, algún día será teu…”

 

Aqui, catro casas de turismo rural e tres veciños residentes (só un realmente censado). A fibra óptica é indispensábel para as casas de turismo rural, pero os tres residentes teñen que amarrar o móvil nun estatalá e sair à leira pra ver se pillan cobertura.

A comunidade de montes, ben dirixida dende a cidade, preocupa-se moito dos seus eucaliptos: xa tentaron reforestar con autóctonas, pero non ían arriba porque no monte hai moita pedra. Ouro verde bio-ecolóxico: o eucaliptal abarca todas as terras outrora fértiles das mellores ladeiras. Moitos miles de ouros inxectados no estudo que afirma que as fresas se dan ben no eucaliptal. Si, fresas. Pra que fagamos lacón con fresas.

Que bonito está o monte en primavera. Dá gusto ir pasear por el: en outono, cun cesto para os cogumelos; agora, cunha saca grande pra recoller todo o lixo que deixaron no inverno os madeireiros. Son coma un influencer eco-friendly, pero sen canle: hoxe recollín tres rolos de cinta de persiana, unha batidora, tres tapas de botes de pintura, un pantalón, catro tubos de aceite de motor, catro latas de birra, un envase de pizza conxelada (que alguén debeu comer fría, ou leva un microondas no tractor) e tres envases de natillas. Comida sana e equilibrada desfrutada entre a paullada das puntas dos eucaliptos cortados. Os carballos, como digo, están bonitos: que gana d’ir pola motoserra. Podian-se derramar para produciren leña por corenta anos máis, pero é millor cortá-los porque tiran cos muros. Entre a casa e a igrexa hai sempre un regueiro de envoltorios de carameliños… sabor eucalipto.

Pola tarde, pasan a camiñar as dúas veciñas de sempre. Van pola carretera, porque polas corredoiras é perigoso. Ademais, non colle o GPS e os smartwatches non funcionan ben: din-che que andaches un quilómetro e se cadra levas toda a tarde a camiñar.

Pasa un runner vestido con licras axustadas. Cai-lle un airpod na cuneta.

Unha vaca pisa un dron que quedou perdido no prado.